Sunday 28 de April de 2024

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés fará unha presentación técnica en Roma a axencias de viaxes e touroperadores italianos


A delegación será recibida pola embaixadora de España ante a Santa Sede, Isabel Celáa, e polo embaixador en Roma, Alfonso Dastis

Unha delegación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Deputación da Coruña viaxará a próxima semana a Roma para manter reunións de traballo con axencias de viaxes e touroperadores italianos interesados no Camiño Inglés. Unha delegación encabezada polo presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e na que participarán a xerente da entidade, Cristina García, e o deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira.

A presentación técnica a axencias de viaxes e touroperadores do Camiño Inglés terá lugar no Centro Multimediale Interattivo de Roma o luns 16 de maio, ás 12:00 horas. Nela participarán tanto Manuel Mirás como Cristina García, que posteriormente tomarán parte nun xantar networking cos axentes italianos.

Mirás Franqueira explica que “Italia é un mercado moi interesante para o Camiño Inglés xa que é o segundo país de procedencia de peregrinos, so por detrás de Portugal”. De feito, segundo os datos do Estudo demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés, elaborado en 2021 pola Universidade da Coruña para a asociación, o 14,19% dos visitantes estranxeiros proceden de Italia, por diante de países como Alemaña (10,32%), Francia (7,1%) ou a propia Gran Bretaña (6,45%) e só superados por Portugal (17,4%). “E polos datos que dispoñemos neste 2022, a situación é moi similar”, adianta Cristina García.

Recepcións oficiais

Debido ao incremento de visitantes procedentes de Italia, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés ten programadas dúas recepcións oficiais ao máis alto nivel. O luns 16 de maio, a delegación galega será recibida por Isabel Celáa Diéguez, embaixadora de España ante a Santa Sede; e un día despois a recepción correrá a cargo de Alfonso Dastis Quecedo, embaixador de España en Roma. Dous encontros organizados pola Asociación, quen convidou a participar á Deputación da Coruña, representada por Antonio Leira. “Queremos presentarlles o Camiño Inglés, a nosa Asociación e deixarlles toda a información sobre esta ruta xacobea como máximos representantes do noso país en Italia”, adianta Manuel Mirás.

Deputación da Coruña

Finalmente, Manuel Mirás e Cristina García asistirán o martes 17 de maio, ás 12:00 horas, á presentación do libro “II Cammino Inglese per Santiago a piedi”, elaborado pola Deputación da Coruña. A presentación correrá a cargo do deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira, no Centro Multimediale Interactivo de Roma.